Un cento de persoas estrea o formato de tarde do programa de andainas Patea Tapea

Ponte Caldelas
26 de xuño 2017

Os asistentes percorreron unha ruta de 10 quilómetros por un itinerario que incluía o camiño da Fonte Choca ata a presa de Parada, que vén de ser restaurada polo Concello. Os participantes chegaron á aldea do Verdugo, onde realizaron a habitual paradiña con tapeo no Jamarte, establecemento de hostalería recentemente reinaugurado

Andaina do programa Patea Tapea Concello de Ponte Caldelas

As andainas do programa Patea Tapea de Ponte Caldelas estrearon esta fin de semana o horario de tarde cun grande éxito de participación. Máis de cen persoas percorreron o roteiro proposto para a cuarta saída da actividade.

Segundo informou o Concello, os asistentes percorreron unha ruta de 10 quilómetros por un itinerario que incluía o camiño da Fonte Choca ata a presa de Parada, que vén de ser restaurada polo Concello. Os participantes chegaron á aldea do Verdugo, onde realizaron a habitual parada con tapeo no Jamarte, establecemento de hostalería recentemente reinaugurado.

A continuación baixaron ata o río buscando os muíños de Taboadelo e achegáronse á ermida de San Vicente. Despois de visitar os muíños do Castro, con volta pola corredoira ata Parada, cruzaron o río Parada para volver por Cuñas a Ponte Caldelas.

O programa Patea Tapea estreouse este ano como fórmula para alentar o lecer san  por parte de toda a veciñanza e visitantes que se acheguen a Ponte Caldelas. A próxima saída está programada para o próximo 8 de xullo.