Un Circo de Nadal que xa percorreu medio mundo anima a programación festiva de Vilagarcía

O Salnés
26 de novembro 2021

A actividade está prevista para o luns 27 de decembro ás 18.00 horas no Auditorio Municipal. O espectáculo que chega a Vilagarcía xa foi aplaudido por milleiros de persoas en teatros de Madrid, Roma, San Diego, México DF, Cancún, Berlín, noutras capitais de España e agora, xunto con Vilagarcía, pasará polas principais capitais galegas

Espectáculo de La Fiesta Escénica
Espectáculo de La Fiesta Escénica

A oferta de actividades lúdicas e culturais programadas en Vilagarcía durante as vindeiras semanas incluirá este ano un Circo de Nadal, un espectáculo de novo formato que actualiza o concepto do circo renovando números musicais, de maxia, acrobacias ou humor e introducindo animais animatrónicos.

A actividade está prevista para o luns 27 de decembro ás 18.00 horas no Auditorio Municipal e a venda anticipada xa está aberta a través de www.ataquilla.com.

O Circo de Nadal é un espectáculo de La Fiesta Escénica, unha compañía que ven avalada polos seus 25 anos de historia. O espectáculo que chega a Vilagarcía xa foi aplaudido por milleiros de persoas en teatros de Madrid, Roma, San Diego, México DF, Cancún, Berlín, noutras capitais de España e agora, xunto con Vilagarcía, pasará polas principais capitais galegas.

Trátase dun circo como nunca se viu no que se conta unha historia chea de tenrura, reencontros Ilusión e agarimo á familia. Habrá aventuras da man de grandes acrobacias, coreografía, efectos especiais, animais animatrónicos e personaxes máxicos.

A entrada para asistir ao espectáculo ten un prezo único de 10 euros.  De non esgotarse antes, tamén se poderán adquirir o mesmo día da función na billeteira do Auditorio a partir das 16.00 horas e sen custos engadidos.