Un condutor bébedo que escapaba da Policía sofre un accidente no que se incendia o seu coche

Marín
16 de decembro 2023

Un veciño de Cangas duns 40 anos de idade foi detido este sábado pola Policía Local de Bueu despois de protagonizar unha rocambolesca historia

Vehículo da Policía Local de Marín
Vehículo da Policía Local de Marín / Mónica Patxot

Un veciño de Cangas, duns 40 anos de idade, foi detido este sábado pola Policía Local de Bueu despois de protagonizar unha rocambolesca historia.

Ao redor das tres da tarde, este condutor foi visto en Poio circulando de forma errática co seu vehículo, marca Mercedes, que ía facendo eses pola estrada.

Alertados desta condución temeraria os axentes da Policía Local de Marín saíron ao seu encontro despois de que provocase danos cando circulaba pola zona de Seixo. 

A Garda Civil deulle o alto pero este home fixo caso omiso e deuse á fuga circulando cunha roda picada pola estrada PO-551.

Ao chegar a Bueu perdeu o control do vehículo chocando contra a rotonda da prata de Portomaior, na parroquia de Cela. Nese momento abandonou o Mercedes que inmediatamente comezou a arder quedando completamente calcinado.

Procedeuse entón a súa detención. Ademáis os axentes someteron ao condutor á proba de alcoholemia cun resultado positivo de 0.60 mg/l o que supón que estaría a incorrer nun delito penal.

Efectivos de Protección Civil de Bueu e os Bombeiros do Morrazo sufocaron o incendio mentres a Garda Civil de Tráfico cortou un carril da estrada.