Un condutor de Poio, denunciado por usar a tarxeta de mobilidade reducida dun falecido

Poio
15 de maio 2017

Axentes da Policía Local de Poio identificaron un condutor por aparcar en espazos reservados para persoas con mobilidade reducida cunha tarxeta a nome dun home, natural de Ourense, falecido o pasado mes de xullo

Praza de estacionamento reservada para persoas con mobilidade reducida Policía Local de Poio

Axentes da Policía Local de Poio identificaron un condutor por aparcar en espazos reservados para persoas con mobilidade reducida cunha tarxeta a nome dun home, natural de Ourense, falecido o pasado mes de xullo.

Foi localizado o 28 de abril, contra as 18.00 horas, aparcado nunha destas prazas, situada na rúa Ramón Encinas de Raxó.

Aparentemente, o home non tiña ningunha dificultade de mobilidade, polo que os axentes comprobaron a tarxeta. Durante este proceso, o condutor explicou que se trataba da tarxeta do seu xefe, que residía no concello de Ourense.

Con todo, a Policía Local descubriu que o titular da tarxeta falecera en xullo de 2016 na cidade das Burgas, polo que se procedeu a investigar ao identificado por un presunto delito de falsidade documental e uso fraudulento deste tipo de tarxetas.

Esta infracción foi detectada na campaña que levou a cabo a Policía Local de Poio entre os días 24 de abril e 7 de maio, para controlar os estacionamentos nas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.

O obxectivo foi vixiar os espazos de estacionamento reservados para estas persoas, delimitados e sinalizados correctamente. Con esta medida trátase de evitar o uso impropio e fraudulento de tarxetas concedidas. 

Os veciños, apuntan desde a Policía Local, comezan a concienciarse do uso debido das prazas reservadas para facilitar o estacionamento as persoas que realmente o necesitan. Nestes quince días que durou a campaña denunciáronse catro vehículos por infracción administrativa, ademais da infracción penal anteriormente citada. 

A Policía realizou un estudo para determinar se o número de estacionamentos destinados a persoas con mobilidade reducida era axeitado, contabilizando un total de 50 prazas reservadas nunha poboación de case 18.000 habitantes. 

O reparto de prazas atende os criterios de poboación, vías e solicitudes atendidas, estando 23 delas en San Salvador, 8 en San Xoán, 10 en Combarro e 9 en Raxó.