Un condutor ebrio resulta ferido tras chocar contra un muro en Poio

Poio
31 de marzo 2021

O condutor é un veciño de Poio, de 33 anos, que deu positivo na proba de alcoholemia cunha taxa de 1,02 mg/l (gramos de alcol por litro de aire expirado)

Accidente de tráfico en Portosanto Policía Local de Poio

Un home resultou ferido en Poio ao saírse da vía o vehículo que estaba a conducir en estado de embriaguez e chocar contra un muro de peche dunha casa.

Segundo informa a Policía Local de Poio o accidente tivo lugar sobre as once da mañá deste mércores nunha vía secundaria en Portosanto, na parroquia de San Salvador.

O condutor é un veciño de Poio, de 33 anos, que deu positivo na proba de alcoholemia cunha taxa de 1,02 mg/l (gramos de alcol por litro de aire expirado).

Desde a Policía Local apuntan como causa do accidente a combinación entre velocidade e alcol.

Ademais este condutor non facía uso do cinto de seguridade e golpeou coa cabeza contra o parabrisas, o que lle produciu unha lesión leve.

Este home será investigado por un delito contra a seguridade viaria e foi citado para xuízo rápido o vindeiro xoves día 8 de abril

Por culpa deste accidente o tráfico estivo cortado nesta rúa durante unha hora ata que un guindastre puido retirar o vehículo sinistrado. 

Unha ambulancia acudiu ao lugar do suceso asistindo ao condutor, aínda que non fixo falta evacualo a un centro sanitario.