O primeiro cribado de hepatite C que se realiza en centros hospitalarios e de Atención Primaria está a desenvolverse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo informa o Sergas.
Desde o martes 9 de maio leva a cabo o programa e, a partir deste 15 de maio, a todas aquelas persoas con idades comprendidas entre os 50 e os 59 anos que realicen unha extracción de sangue nos servizos da área sanitaria aplicaráselles a proba de detección desta enfermidade de maneira sistemática.
A poboación dese tramo de idade é a que, segundo a Consellería de Sanidade, aglutina a máis da metade das persoas da comunidade con hepatite C aínda non diagnosticada. O cribado irá avanzando nos próximos anos na idade dos participantes ata cubrir a todas a poboación con idades entre 40 e 69 anos.
Sen necesidade de requirilo, aquelas persoas desta idade á que se lles pida unha analítica de sangue, en calquera servizo do Sergas, entrará no cribado.
O resto de poboación, á marxe da súa idade, tamén poderán solicitar unha proba de detección de hepatite C sen necesidade de dar explicacións.
En caso de detectar algunha persoa con resultado positivo, o paciente será avisado para recibir un tratamento oral, de 8 a 12 semanas de duración, que non precisa de visitas posteriores ao médico.
A hepatite C é unha enfermidade que ten como consecuencias a posibilidade de causar cirrose e tamén cancro. Cun tratamento sinxelo pódese curar a práctica totalidade de casos.