Unha intoxicación grave por consumo de substancias estupefacientes e a alcoholemia positiva dun taxista que sextuplicaba a taxa de alcol permitida nun servizo no que transportaba a varias persoas foron as incidencias máis destacadas da xornada da Festa da Auga acontecidas entre as 9 da mañá e ás 6 da tarde deste martes, segundo informaron dende o Servizo Municipal de Emerxencias e a Policía Local.
A intoxicación por consumo de substancias estupefacientes foi atendida en primeira instancia no Hospital de Campaña instalado na praza da Peixería, a onde a Policía Nacional conduciu ás 11.20 da mañá ao mozo de 24 anos que se atopaba nas proximidades da zona do Cavadelo fóra de si e nun evidente estado de alteración. Tras os primeiros coidados practicados alí mesmo por un médico, en vista de que a medicación non o tranquilizaba e que, lonxe diso, o mozo volvíase cada vez máis agresivo, foi trasladado en ambulancia ao Hospital do Salnés, onde continuaba hospitalizado en situación reservada a media tarde de hoxe.
O taxista que deu positivo en alcol mentres realizaba un servizo de traslado de varios viaxeiros foi detectado pola Policía nun dos controis especiais contra o consumo de alcol na condución. Foi ás 14.00 horas pasada a adega existente na Rúa Xiabre, unha vía secundaria na que apenas existen vivendas e que algúns condutores utilizan para tratar de evadir os controis de alcoholemia. Practicado o correspondente test, o autopatrono deu unha taxa de 0,90 cando o nivel permitido para os profesionais do taxi se sitúa no 0,15. Dada a gravidade do caso, tramitarase pola vía penal.
No resto dos controis de tráfico realizados pola Policía durante a mañá e primeiras horas da tarde de hoxe, detectáronse outras 11 alcoholemias positivas ao volante e 2 casos de consumo de estupefacientes.
Os axentes tamén procederon á detención dun home pola presunta agresión a súa parella. Os feitos aconteceron ás 12.30 da mañá na rúa Arcebispo Xelmírez onde, tras unha forte discusión, segundo denunciou a muller, o individuo a agrediu propinándolle unha labazada. Os feitos tiveron lugar diante da filla de 6 anos. A detención tramítase segundo o protocolo Vioxen.
Por último, Emerxencias realizou varias atencións in situ e no hospital de campaña, todas eles sen relevancia, e procedeu ao traslado ao Hospital dun rapaz que levara un forte golpe na mandíbula.