Un Día da Galiza Mártir para "pararlle os pés a un PP herdeiro do franquismo"

Pontevedra
16 de agosto 2014

Este domingo 17 de agosto a Fundación Alexandre Bóveda e o BNG volven conmemorar o Día da Galiza Mártir cos habituais actos cívico na Caeira (13.00 horas) e político na praza de Curros Enríquez (20.00). Buscan honrar os milleiros de galegos que foron represaliados 

Xuntanza do alcalde coa Fundación Alexandre Bóveda Concello de Pontevedra

Este domingo 17 de agosto a Fundación Alexandre Bóveda e o BNG volven conmemorar o Día da Galiza Mártir cos habituais actos na Caeira e na praza de Curros Enríquez. Nesta ocasión, o partido nacionalista márcase como obxectivo "pararlle os pés a un PP herdeiro do franquismo".

O día comezará co acto civico organizado ás 13.00 horas ante o monumento de Alexandre Bóveda situado na Caeira (Poio), no lugar no que foi fusilado ese mesmo día no ano 1936 durante a Guerra Civil. Está confirmada a intervención da concelleira de Cultura de Poio, Silvia Díaz; a representante da Asociación Memoria Histórica de Marín e de Iniciativa Galega pola Memoria Enriqueta Otero; o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella; a vicepresidenta da Fundación Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda; e o alcalde de Poio, Luciano Sobral.

Xa pola tarde, o BNG organiza un acto político ás 20.00 horas na praza de Curros Enríquez de Pontevedra coa presenza de Eva Villaverde, membro da executiva nacional do BNG, e de Luís Bará, concelleiro nacionalista en Pontevedra. Será ao pé da escultura a Alexandre Bóveda, e lembrará as súas derradeiras palabras perante aqueles que o condenaron a morte por "traizón á patria⿝. 

Dende o BNG animan a todos os galegos a acudir ao acto de conmemoración en Pontevedra, convocado "para pararlle os pés ao Partido Popular, que, neste momento, trata de rehabilitar a herdanza franquista sen ningún tipo de Galiza" e para honrar os milleiros de galegos que, como Bóveda, foron represaliados por facerlle fronte aos franquistas.

"Cómpre recuperar a nosa historia  roubada, para proxectar no presente o heroísmo, a dignidade e o sacrificio de pasadas xeracións, que foron asasinadas e represaliadas pola liberdade da nosa nación", sinalan dende o BNG.

Os concellos de Poio e Pontevedra figuran entre os municipios galegos que pediron por acordo do Pleno da Corporación que a Xunta declare e institúa oficialmente como Día da Galiza Mártir o 17 de agosto en memoria de todos os cidadáns que deron a súa vida ou padeceron o exilio por defender as liberdades e dereitos democráticos do pobo galego. Ademais solicitan que se revise o proceso e a condena a morte ditada contra Alexandre Bóveda en 1936 e que se rehabilite a figura do galeguista.