Un documental e actividades escolares pola igualdade, actos do 8M en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo Cotobade
03 de marzo 2020

A proxección da obra audiovisual rodada durante os campamentos de traballo do 2019 será presentada o domingo en Carballedo e durante a proxima semana os escolares do municipio participarán na Xincana da Igualdade

Campo de traballo internacional Concello de Cotobade

Os actos do Día Internacional da Muller no Concello de Cerdedo-Cotobade centraranse na proxección da curtametraxe documental Coma min, moitas e en diversas actividades escolares. Profundar na concienciación e formación en igualdade é o obxectivo do goberno local para esta xornada.

A primeira iniciativa terá lugar este domingo coa presentación do documental, rodado durante o campo internacional de traballo do 2019 que tivo lugar no municipio cotobadés. Coordinado por Xabi López, Julia Castro e Miguel Grandío, a cinta narra as experiencias pola igualdade no mundo rural de tres veciñas do concello. A proxección está prevista para as 12 horas na sala de usos múltiples do Carballedo.

Doutra banda, desde o servizo municipal de educación familiar están a deseñar dúas actividades que levarán a cabo a próxima semana nos colexios de Carballedo, Tenorio e Cercedo. Trátase dunha Xincana da Igualdade na que os participantes realizarán un percorrido por parte dos grupos de alumnos para superar obstáculos sen as diferenzas de xénero que existen na sociedade. Así deberán superar retos como cambiar cueiros, vestir a un bebé, facer a coada, coser un botón, arranxar unha bicicleta ou inchar unha roda. 

Así mesmo, o alumnado do instituto terá que realizar unha investigación para descubrir a identidade de mulleres de referencia mundial nos seus ámbitos a partir de oito láminas.

Doutra banda, o Concello colaborará coa Asociación de Mulleres en Igualdade Rural de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas na homenaxe que se lle vai a brindar a sete mulleres traballadoras do rural o día 7 ás 12 horas no salón de plenos da Lama. Será recoñecida o labor Sandra Souto, Diana Amorín, Mónica González, Ainara Fernández, Nadia González e Judit Moraleda.