Un empuxón para que 120 mozos se incorporen por conta propia ao mercado laboral

Barro
23 de agosto 2016

O programa de emprendemento xuvenil Depoemprende beneficiará a 120 persoas desempregadas e menores de 30 anos da provincia de Pontevedra

A presidenta da Deputación no viveiro de empresas de Barro-Meis
A presidenta da Deputación no viveiro de empresas de Barro-Meis

Este mércores, 24 de agosto, o viveiro de empresas do polígono industrial de Barro-Meis, acollerá a partir das 12:00 horas unha xornada informativa sobre o programa da Deputación de Pontevedra "DepoEmprende". "DepoEmprende" está dotado con 260.000 euros e ten como finalidade o impulso do emprendemento e a cultura emprendedora xuvenís na provincia. 

Esta actuación, enmarcada no programa de itinerarios de emprendemento xuvenil da Fundación INCYDE e financiada polo Fondo Social Europeo, está destinada a 120 mozos da provincia de Pontevedra, menores de 30 anos, rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, sen ocupación e sen estar integrados nos sistemas de educación ou formación.

Nesta xornada, a Deputación de Pontevedra dará a coñecer os obxectivos e contidos da iniciativa, entre os que se atopan o fomento do espírito emprendedor e a cultura emprendedora, eliminando as barreiras que dificultan ou impiden a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, así como a incorporación ao mercado a través de itinerarios de emprendemento xuvenil adaptados ás súas necesidades.

As persoas que estean interesadas en participar en "DepoEmprende" poderán formalizar a súa inscrición o mesmo mércores, durante a celebración da xornada en Barro. A partir dese momento, serán apoiados en todo o momento pola Deputación de Pontevedra, que os axudará a deseñar un plan e un proxecto personalizados para cada participante, nos que se terán en conta variables coma a motivación para traballar, condicionantes persoais, profesionalidade e habilidades sociais.