Un grupo de xente moza de Combarro crea unha canle de entrevistas audiovisuais

Poio
27 de maio 2021

Esta iniciativa conta co apoio da ACDeM Armadiña. A primeira persoa entrevistada, este xoves 27 de maio, será Andrea Ferrer, alumna do IES de Poio e integrante da Asemblea Feminista-LGTB do centro

A Palleira, programa de entrevistas audiovisuais realizado en Combarro
A Palleira, programa de entrevistas audiovisuais realizado en Combarro

Un grupo de mozas e mozos de Combarro crea A Palleira, un programa de entrevistas audiovisuais a persoas da cultura e da contorna desta parroquia de Poio. Todos os xoves, a partir do 27 de maio, publicarase unha nova entrevista, que será conducida por Almudena Acuña ou Pili Varela.

A primeira persoa entrevistada será Andrea Ferrer, alumna do IES de Poio e integrante da Asemblea Feminista-LGTB do centro.

O equipo desta nova iniciativa está formado por Adrián Porima, Paula Andrés, Marta Caride, Marko Otero, Paula Sanmartín e Belén Sanmartín, e conta co apoio da ACDeM Armadiña.

"Se ben 'palleira' fai referencia á construción arquitectónica vencellada a Combarro, neste caso adquire unha nova dimensión: 'palleira' como espazo de diálogo, de calma ou lugar no que conservar o que a cada quen lle resulte máis prezado", explican na carta de presentación do proxecto.

O programa conta con contas de Twitter (https://twitter.com/a_palleira) e Instagram (www.instagram.com/a_palleira/), onde se poderán coñecer todas as novas relativas ao proxecto.

As entrevistas publicaranse en formato vídeo na canle propia de YouTube e tamén en formato podcast en Spotify.