Un home apuñala no pescozo a súa exparella en Monte Porreiro

Pontevedra
29 de abril 2023

A muller de 36 anos resultou ferida e foi trasladada en ambulancia a un centro hospitalario. Compartían piso, malia que xa non eran parella. O home foi detido pola Policía Nacional tras entregarse aos axentes despois de fuxir do lugar dos feitos

Cruzamento das rúas Cambria, Italia, Grecia e Alemaña, en Monte Porreiro
Cruzamento das rúas Cambria, Italia, Grecia e Alemaña, en Monte Porreiro / PontevedraViva

Unha muller de 36 anos foi atacada pola súa exparella a última hora da tarde deste sábado en Monte Porreiro na contorna das rúas Cambria e Alemaña. A vítima foi apuñalada e sufriu un corte no pescozo. 

Segundo fontes da Policía Nacional, unha ambulancia trasladouna en estado consciente ata un centro hospitalario para ser atendida da ferida.

O presunto agresor convivía con ela nun piso da urbanización pontevedresa, a pesar de que, na actualidade, xa non eran parella. Ata o lugar desprazáronse patrullas da Policía Nacional. 

O home inicialmente fuxiu do lugar e, posteriormente, era detido a uns metros da zona, tras entregarse de maneira voluntaria aos axentes da Policía Nacional. O presunto agresor e a vítima son de nacionalidade colombiana, segundo as mesmas fontes.

Están a investigarse as causas que provocaron o suceso.