Un home de 64 e unha muller de 85 anos falecen nas últimas horas por covid-19 en Montecelo

Pontevedra
06 de marzo 2021

Segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, os dous pacientes padecían enfermidades previas antes de contaxiarse co virus. Con estas dúas mortes, o número de persoas falecidas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde o inicio da pandemia elévase a 158. No resto de Galicia producíanse outras dúas mortes máis nesta xornada

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Mónica Patxot

O número de pacientes falecidos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ascende a 158 persoas desde que se notifican as mortes motivadas pola pandemia. Este sábado 6 de marzo, a Consellería de Sanidade trasladaba o deceso nas últimas horas dun home de 64 anos e dunha muller de 85 anos.

Ambos atopábanse ingresados no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

Os dous pacientes contaban con outras enfermidades previas diagnosticadas antes de contaxiarse por coronavirus, segundo a información facilitada polo Servizo Galego de Saúde.

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 11.767 pacientes na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, 69 pacientes máis que na xornada do venres. 

A Consellería de Sanidade tamén notificaba este sábado a morte doutras dúas persoas causada pola pandemia. Trátase dun home de 76 anos da provincia de Pontevedra, que falecía no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e dun home de 66 anos, que perdía a vida no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Tamén nos dous casos existían patoloxías previas nos seus historiais médicos.

Con estes catro falecementos producidos na comunidade durante as últimas 24 horas, Galicia suma 2.270 mortes orixinadas pola enfermidade do coronavirus desde que se cuantifican as mortes producidas pola pandemia.