Un home de 74 anos converteuse na cuarta vítima mortal do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O home dera positivo na proba e atopábase ingresado no Hospital Montecelo da cidade do Lérez para recibir tratamento para o seu diagnóstico.
Segundo a información facilitada pola xerencia da área sanitaria, o paciente tiña patoloxías previas ao coronavirus.
Trátase do cuarto paciente falecido na área sanitaria de Pontevedra- O Salnés desde que comezou a incidencia do Covid-19, todos homes, un deles ingresado no Hospital Quironsalud Miguel Domínguez e os outros tres en Montecelo. Tiñan 81, 72 e 74 anos.
O primeiro foi un home de 81 anos con varias patoloxías previas que permanecía ingresado e illado no Hospital Montecelo e faleceu o sábado 14. A seguinte fin de semana, do 21-22 de marzo, faleceu un paciente de 72 anos con varias patoloxías previas que estaba ingresado no Hospital Quironsalud Miguel Domínguez de Pontevedra. O terceiro falecemento por coronavirus desde que comezou esta crise sanitaria produciuse esta mesma semana, un home de 74 anos ingresado en Montecelo, e que ,como as vítimas anteriores, tiña patoloxías previas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
****** Horas despois da publicación desta noticia, coñeceuse que este xoves produciuse unha segunda morte por coronavirus na área sanitaria, un home de 81 anos que eleva a cinco o total de falecementos.