Un home de 90 anos, sexta vítima mortal do coronavirus na área sanitaria

Pontevedra
27 de marzo 2020

O home, o de máis idade falecido ata o de agora en Pontevedra, estaba diagnosticado de coronavirus e permanecía ingresado no hospital de Montecelo con patoloxías previas. O día máis complicado desde que comezou a incidencia do  Covid-19 foi este xoves, con dous falecementos a mesma xornada

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo Diego Torrado

Un home de 90 anos faleceu este venres por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e elevou o número de vítimas mortais desde o inicio da incidencia sanitaria a seis, o primeiro o sábado 14 de marzo. 

Segundo a información facilitada por fontes oficiais, o home, o de máis idade falecido ata o de agora en Pontevedra, estaba diagnosticado de coronavirus e permanecía ingresado no hospital de Montecelo con patoloxías previas.

O día máis complicado na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés desde que comezou a incidencia do Covid-19 foi este xoves 26 de marzo, con dous novos falecementos por coronavirus na mesma xornada, un home de 74 anos faleceu pola mañá e un de 81 pola tarde

Ata o de agora, faleceron na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés seis homes, dous deles ingresado no Hospital Quironsalud Miguel Domínguez e os outros catro en Montecelo. Dous tiñan 81 anos, outros dous contabilizaban 74, outro tiña 72 e o último e de máis idade, 90.

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.