Un incendio forestal preto de vivendas na Gándara espállase por varias leiras e destrúe un galpón

Pontevedra
13 de xullo 2020

Os bombeiros do Parque de Pontevedra desprazábanse este luns ata o lugar para evitar que as lapas puideran chegar ata as vivendas. Unha brigada de extinción de lumes forestais coa axuda dun helicóptero foron controlando o lume ao longo da tarde

Incendio na Gándara / Jorge Meilán

Os bombeiros do Parque de Pontevedra tiveron unha intensa tarde durante a xornada deste luns 13 de xullo. Preto das 15.45 horas, o Servizo de  Emerxencias do 112 Galicia alertábaos do brutal accidente de tráfico na estrada entre Pontevedra e Vilagarcía para que interviñesen na excarceración dunha vítima. No momento en que se atopaban neste incidente, eran reclamados desde a central para acudir á zona da Gándara, onde se produciu un incendio forestal próximo ás vivendas.

Unha vez que se comprobaba o falecemento do condutor dun dos vehículos, tres dos bombeiros desprazábanse á zona do incendio forestal #ante o perigo que supoñía ás casas lindeiras ao terreo onde se orixinaba o lume debido a que as lapas se estaban estendendo por outras leiras próximas.

Unha vez alí, os bombeiros comprobaron como un galpón quedara practicamente esnaquizado polo lume e refrixeraron toda a zona das casas para evitar que o incendio puidese chegar ata elas. Unha vez que as vivendas se atopaban a salvo os servizos forestais formados por tres motobombas, tres brigadas e un axente, continuaron coa extinción do lume coa axuda dun helicóptero.

As lapas atopábanse preto das vías do tren que pasan pola Gándara pero, segundo os bombeiros, non foi necesario realizar cortes no tráfico ferroviario.

O fume provocado por este incendio chamaba a atención desde distintos puntos do municipio, o que provocou que no Parque de Bombeiros rexistrásense numerosas chamadas. Ata o lugar tamén se achegaron dispositivos da Policía Local de Pontevedra coa presenza do novo xefe do corpo, José Manuel Duarte.