Un incendio na gasolineira de Praceres provoca varias explosións e obriga a acordoar a zona

Pontevedra
04 de marzo 2015
Actualizado: 05 de marzo

Eran as 19.45 horas cando comezaba o incendio. Orixinouse, segundo transcendeu, dentro do recinto da estación de servizo. Afectou ao xerador de corrente dun depósito de gasóleo e posteriormente as chamas estendéronse a varios coches e un camión cisterna. Non se rexistraron vítimas persoais

Espectacular incendio na gasolineira de Praceres Ángel Luis Godar

Un incendio na gasolineira de Praceres orixinado por causas ata agora descoñecidas activou todas as alarmas dos servizos de emerxencia de Pontevedra e Marín este mércores. O perigo considerouse superado arredor das 23.00 horas da noite, despois de ter que pedir aos veciños dun radio de 400 metros que saísen das súas casas e de máis de tres horas de tarefas de extinción, pero o traballo aínda ten por diante varias horas ata que os servizos de emerxencia poidan abandonar a zona con total seguridade.

Eran as 19.45 horas cando comezaba o incendio. Orixinouse, segundo transcendeu, dentro do recinto da estación de servizo. Afectou ao xerador de corrente dun depósito de gasóleo e posteriormente as chamas estendéronse a varios coches -cinco segundo diversas fontes- e un camión cisterna. Non se rexistraron vítimas persoais, pero si danos materiais moi importantes.

Ademais das chamas e o intenso fume negro que saía da gasolineira, producíronse unha serie de explosións, segundo confirman testemuñas visuais.

A estrada vella a Marín, a PO-546, foi cortada como medida de precaución entre o momento do incendio e as 23.00 horas da noite e inicialmente estableceuse un perímetro de seguridade duns 200 metros -que se foi ampliando gradualmente- que levou ás Forzas de Seguridade a pedir aos veciños das casas máis próximas á gasolineira a que saísen das súas vivendas, ás que puideron volver a partir das 23.30 horas.

O incendio considerouse controlado pasadas as 22.00 horas, aínda que os servizos de emerxencia seguiron traballando na zona e está previsto que continúen durante toda a madrugada. Tiveron que proceder con moito coidado debido á proximidade de varios tanques de combustible, para garantir a seguridade das instalacións e dos propios integrantes do dispositivo. 

Ao lugar dos feitos desprazáronse, entre outros, as policías locais de Marín e Pontevedra, varias unidades dos Bombeiros de Pontevedra e O Morrazo, a Garda Civil de Tráfico, axentes da Policía Nacional e voluntarios das agrupacións de Protección Civil de Pontevedra e Marín. Ademais, mobilizáronse varias ambulancias do 061 por se fora necesaria a súa participación no operativo.

TRES VIVENDAS

O incendio na gasolineira obrigou a desaloxar tres vivendas que se encontraban dentro dun radio de 400 metros, dúas dun lado da gasolineira que seguiron as indicacións da Policía Local de Pontevedra e unha do outro á que asistiu a Policía Nacional. En total, víronse afectados dúas persoas nunha casa, tres noutra e oito na última, se ben os datos desta terceira vivenda poden resultar dubidosos polas informacións achegadas polos seus moradores.

O Concello de Pontevedra puxo a disposición das persoas afectadas a posibilidade de desprazalas a outro lugar ou aloxalas nun hotel, pero ningunha quixo aceptar o ofrecemento e quedaron nas proximidades ata que ás 23.30 horas puideron volver á casa, segundo informou a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, que se desprazou ata a zona acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do concelleiro Demetrio Gómez Junquera.

Dende o Concello de Pontevedra puxéranse ademais en contacto coa Brilat e cun albergue privado, por se fixera falta acoller as persoas que quedasen fóra do seu domicilio por culpa do incendio. Finalmente non foi necesario.