Un mozo de 26 anos, detido en Marín por circular drogado, sen carné e con cocaína e heroína no coche

Marín
20 de abril 2020

O condutor incumpría as medidas de confinamento que establece o estado de alarma e, ademais, non tiña o seu permiso de conducir en vigor. Foi tamén sometido a un test para detectar drogas no que deu positivo e no coche levaba 66 doses de cocaína e heroína

Droga que levaba no coche o mozo detido en Marín Policía Nacional

Axentes da Policía Nacional detiveron un mozo de 26 anos que foi sorprendido conducindo baixo os efectos das drogas por Marín. Ao mozo, segundo informou a comisaría de Marín, impútaselle un delito contra a saúde pública e dous delitos contra a seguridade viaria.

Os feitos sucederon onte domingo cando os axentes deron o alto ao coche no que viaxaba o mozo e este fixo caso omiso das indicacións.

Cando detivo a súa marcha, os policías comprobaron que o condutor incumpría as medidas de confinamento que establece o estado de alarma e que, ademais, non tiña o seu permiso de conducir en vigor. Ademais, foi sometido a un test para detectar drogas no que deu positivo.

Tras un cacheo superficial, no que se lle interviñeron varias doses de substancias estupefacientes, os axentes rexistraron o coche e acharon oculto no maleteiro, no interior do oco dunha das luces traseiras, un paquete que contiña un total de 66 doses de cocaína e heroína dispostas en pequenos paquetes para a súa venda.

O mozo, segundo a Policía Nacional, tamén foi proposto para unha sanción administrativa por incumprir as medidas de confinamento.