Un novo camión queda encaixado na ponte de Alba

Pontevedra
31 de decembro 2019

Sucedía durante a noite deste luns nun punto onde se repiten os incidentes cando os condutores de vehículos de grandes dimensións non teñen en conta o gálibo e rematan impactando contra a ponte do tren

O camión que impactou contra a ponte da Alba
O camión que impactou contra a ponte da Alba / Servizos de Emerxencia

Ao redor das 21.00 horas, un vehículo de grandes dimensións impactaba contra a ponte do tren en Alba. O camión circulaba pola estrada PO-225, a conexión entre a PO-531 e a Nacional 550 e, unha vez máis, repetiuse a escena.

O condutor do camión articulado non tivo en conta o gálibo e finalmente golpeaba a estrutura da ponte. Ata a zona achegouse unha patrulla da Garda Civil de Tráfico para tentar que non se producise un colapso circulatorio na zona.

O incidente non causou feridos e o camión sufriu danos no teito do remolque. Un particular alertaba o 112 Galicia, que se puxo en contacto cos axentes de Tráfico. Ademais, desde o servizo de emerxencias informábase á Policía Local, efectivos de Protección Civil e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.

Os xestores do 112 solicitaron tamén a intervención do persoal de Adif para avaliar os posibles danos. Tras a retirada do vehículo, os técnicos de Adif confirmaban que o incidente quedou totalmente solucionado sen causar dano na estrutura da ponte.