A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Pontevedra non se puido celebrar este venres por falta de quorum ao non ter asistido a parte sindical, agás unha representante da central CIG. Entre os puntos da orde do día atopábase a funcionarización do persoal laboral que quedou sobre a mesa ao non poderse celebrar a reunión.
Segundo explicou a concelleira de Persoal, Carmen Fouces, o Concello de Pontevedra non ten a obriga de acometer esa funcionarización dado que ten un porcentaxe de persoal laboral por debaixo do 8%, que é o máximo que permite o Real Decreto-Lei de 14/2021 de 6 de xullo de medidas urxentes para a reducción da temporalidade no emprego público. Agora ben, de acometelo terá que ser antes do 30 de maio tal e como recolle a normativa.
Fouces sinalou que o Concello ten interés na aplicación desta medida, "por un lado continuar na liña de modernización da administración" dando estabilidade a 37 traballadores e, polo tanto, aos servizos; e ao tempo "ofrecer uns beneficios aos empregados públicos que, nalgúns casos, levan décadas de servizo ao Concello".
"Parecía que era un xesto de boa vontade que podería servir para aproximar posturas entre a parte social e o Concello, pero resulta que non é unha prioridade para os sindicatos", contestou Carmen Fouces quen adiantou que "no caso de que non haxa demanda sindical ao respecto, o Concello acordaría meter esta proposta nun caixón, e lamentablemente desaproveitaríase esta oportunidade".
Esta postura do Concello trasmitíuselle á única asistente á mesa, a representante da CIG.
Dende o departamento de Persoal lémbrase que o comité de empresa pediu meses atrás, que se iniciase o proceso de funcionarización "pero incoherentemente non se achegaron a negociar", concluía Carmen Fouces.