Un novo positivo e dúas altas reducen a 18 os casos activos de coronavirus na área sanitaria

Pontevedra
27 de xullo 2020

Despois de tres xornadas de aumento considerable, o balance ofrecido este luns 27 de xullo pola Consellería de Sanidade reflicte un descenso dun caso activo de Covid en Pontevedra e O Salnés con respecto ao domingo

Ambulancia chegando ao hospital de Montecelo
Ambulancia chegando ao hospital de Montecelo / Mónica Patxot

Despois de tres xornadas de escalada nas cifras cun aumento considerable de afectados, o balance oficial sobre a Covid-19 ofrecido este luns 27 de xullo pola Consellería de Sanidade reflicte un leve descenso en Pontevedra e O Salnés con respecto ao domingo.

En concreto o Sergas rexistrou un novo positivo por coronavirus na área sanitaria, xunto a dous pacientes que recibiron o alta epidemiolóxica facendo que os 'casos activos' dos que fala o goberno autonómico se reduzan a 18, un menos que o día anterior.

De todos eses casos, unha persoa segue ingresada en planta no hospital pontevedrés de Montecelo, mentres que o resto permanece evolucionando nos seus respectivos domicilios.

Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 912 pacientes afectados de Covid na área sanitaria, e faleceron 16 persoas asociadas á pandemia.

No que respecta a os datos a nivel autonómico segue a producirse un aumento nas cifras, xa que segundo a última actualización o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 233, polos 217 do domingo. Deles 58 son da área da Coruña, 90 da de Lugo, 7 da de Ourense, 18 da de Pontevedra, 44 da área de Vigo, 16 da de Santiago, e ningún da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 está en UCI, 12 en unidades de hospitalización e 220 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 11.227 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 244.127.