Un obradoiro de "Nós ao grande" anticipa o Encontro de Combarro

Poio
09 de xuño 2017

Entre os días 29 de xuño e 2 de xullo celebrarase en Combarro-Poio a décimo terceira edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Para ir comunicando a programación prevista e ir abrindo boca de cara a esas datas, as próximas fins de semana comezando por este 9 de xuño; convidarase ás persoas que se acheguen á Praza da Chousa a realizar un obradoiro de "Nós ao Grande"

Nó mariñeiro Paco Rives Manresa

Entre os días 29 de xuño e 2 de xullo celebrarase en Combarro a décimo terceira edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. O encontro, de periodicidade bienal e carácter itinerante, pode considerarse unha das manifestacións da cultura marítima máis importantes de todas cantas se celebran na península ibérica.

Para ir comunicando a programación prevista e ir abrindo boca de cara a esas datas, as próximas fins de semana, comezando por este 9 de xuño, convidarase ás persoas que se acheguen á Praza da Chousa a realizar un obradoiro de "Nós ao Grande".

A actividade, que arrancou este venres á tarde, repetirase o sábado, día 10; o próximo venres 16 e o sábado 17; e de novo o venres 23 e o sábado 24, en horario de 18 a 21 horas.

A dinámica consiste en pendurar cabos de 4 centímetros de diámetro e 3 metros de longo de cada un dos farois da Praza da Chousa. Con eles poderán interactuar todos cantos por alí pasen; co obxectivo de dar forma a unha decoración a base de nós mariñeiros en gran formato.

Este venres foron intervidas as tres primeiras luminarias e o sábado farase o propio con outras tantas.

Así, de xeito progresivo, completaranse as dez que dan luz a esta praza.

A iniciativa está promovida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP), e pretende ir dando a coñecer o próximo encontro dun xeito lúdico e participativo.