Un paciente menos na UCI (4) pero máis hospitalizados por covid na área sanitaria no inicio da semana

Pontevedra
19 de xullo 2021

Aínda que en niveis baixos con respecto a outros momentos da pandemia, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés comproba este luns 19 de xullo como aumenta o número de hospitalizacións por coronavirus por segunda xornada consecutiva. Os casos activos seguen crecendo e sitúanse nos 1.879

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo
Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

O alto nivel de vacinación fai que a relación de afectados por covid e hospitalizacións estea moi lonxe do vivido durante as primeiras fases e ondas da pandemia. Aínda así o alto nivel de contaxios experimentado principalmente na última semana empézase a reflectir nos ingresos hospitalarios.

Segundo a actualización oficial de datos sobre o coronavirus ofrecido ás 10.00 horas deste luns 19 de xullo polo Servizo Galego de Saúde, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés incrementa por segunda xornada consecutiva o número de persoas afectadas ingresadas.

Así, permanecen nos hospitais da comarca 18 pacientes infectados por covid, dous máis que o domingo e cinco máis que o sábado. Ese incremento concéntrase nas persoas que evolucionan en planta (14) entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (12) o Hospital do Salnés (1) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez. Pola contra a Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo conta cun paciente positivo menos que o día anterior, con 4.

A área pontevedresa conta ao 19 de xullo cun total de 1.879 casos activos de coronavirus (82 máis) tras unha xornada na que se detectaron 144 novos contaxios e producíronse 62 altas epidemiolóxicas. 

Desde o inicio da pandemia superaron o virus 14.704 persoas en Pontevedra e O Salnés, rexistrándose 181 falecementos de pacientes con positivo activo.

Nas últimas 24 horas realizáronse 670 probas PCR.