Un parque de calistenia, un paso máis na humanización do campus

Pontevedra
03 de abril 2021

Unha área para realizar diferentes exercicios a partires do traballo co propio peso corporal. Así é o parque de calistenia que acaba de estrear a Universidade de Vigo no campus da Xunqueira. Está situado na parte traseira da Facultade de Fisioterapia

Parque de calistenia no campus de Pontevedra
Parque de calistenia no campus de Pontevedra / Universidade de Vigo

Unha área para realizar diferentes exercicios a partires do traballo co propio peso corporal. Así é o parque de calistenia que acaba de estrear a Universidade de Vigo no campus da Xunqueira. Está situado na parte traseira da Facultade de Fisioterapia.

Este equipamento forma parte do propósito das autoridades universitarias para humanizar o campus e que os seus espazos exteriores teñan un uso máis aló do educativo.

O parque conta cunha serie módulos colocados de forma secuencial para que os usuarios poidan traballar os grupos musculares do tren superior, do tren inferior e do tronco.

Dentro do programa do Green Campus, que aposta utilizar materiais sustentables, a universidade optou por un equipamento realizado en madeira para esta instalación, que se completará nas próximas semanas coa colocación da súa iluminación.

O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, destaca que este parque súmase a outras actuacións recentes como a renovación do mobiliario exterior ou a instalación dun embarcadoiro na contorna da Illas das Esculturas.

Neste obxectivo de promover que tanto a comunidade universitaria como o conxunto da cidadanía faga un maior uso dos espazos exteriores do campus, a Universidade de Vigo inclúe tamén a instalación dunha marquesiña para fomentar o uso do transporte público.

A renovación do circuíto de cámaras de videovixilancia ou os cambios previstos en materia de iluminación exterior, que permitirán sincronizar as luces perimetrais ou colocar LED nos farois do campus completan as actuacións a curto prazo en materia de humanización.