Un paso de peóns multicolor que simboliza "o camiño cara á igualdade"

O Salnés
17 de xuño 2023

O Concello, xunto con representantes da asociación Gotas, inauguraron este venres este paso de peóns situado na Rúa Espadeiro co fin de dar visibilidade ao colectivo LGTBIQ+ e concienciar á sociedade, e en especial á veciñanza de Ribadumia, da importancia do respecto á diversidade  

Inauguración do paso de peóns multicolor en Ribadumia
Inauguración do paso de peóns multicolor en Ribadumia / Concello de Ribadumia

Ribadumia conta desde este venres cun paso de peóns multicolor que simboliza "o camiño a percorrer cara a consecución da igualdade".

O Concello, xunto con representantes da asociación Gotas, inauguraron este venres este paso de peóns situado na Rúa Espadeiro co fin de dar visibilidade ao colectivo LGTBIQ+ e concienciar á sociedade, e en especial á veciñanza de Ribadumia, da importancia do respecto á diversidade.

Precisamente con motivo de que en xuño se celebra o mes da diversidade, desde o goberno local incluirán actividades ó longo deste sábado 17 de xuño como pasarrúas, lectura de manifesto, xantar diverso, diferentes concertos ó longo do día (Marcelo Dobode, Mamarrashouw, Turista Sueca, Fillas de Casandra, Lontreira) e animación de La Yaya Dj e A Tribo de Lilith.

Ademáis, durante todo o mes realizáronse actividades e talleres sobre educación na diversidade que rematarán o xoves 30 cunha mesa redonda sobre as Realidades LGTBIQ+ no rural.