Un pescador con 40 anos de experiencia captura unha troita de tres quilos no río Verdugo

Ponte Caldelas
13 de maio 2017

O veciño da parroquia de Taboadelo, en Ponte Caldelas, Álvaro Míguez estaba na zona de Coveliño e colleu unha troita que xa se converteu nun dos elementos máis fotografiados do municipio nos últimos tempos. O tamaño dificultou sacala da auga e, de feito, levoulle case media hora

O veciño de Taboadelo Álvaro Míguez amosa a súa troita de tres quilos
O veciño de Taboadelo Álvaro Míguez amosa a súa troita de tres quilos

O veciño da parroquia de Taboadelo, en Ponte Caldelas, Álvaro Míguez logrou este venres a captura máis grande dos seus 40 anos de pescador no río Verdugo. Estaba na zona de Coveliño e colleu unha troita de case tres quilos que xa se converteu nun dos elementos máis fotografiados do municipio nos últimos tempos. 

A captura produciuse a primeira hora deste venres, pouco despois de que Álvaro chegara ao río. O tamaño da troita dificultou sacala da auga e, de feito, a tarefa levoulle case media hora

Segundo informou o Concello a través dun comunicado, Álvaro Míguez é pescador habitual nas beiras do río Verdugo e traballa durante as fins de semana na cervexaría Alameda. Este venres, logo de coller a chamativa captura, levouna ao seu lugar de traballo, onde chegou viva.

Amigos e compañeiros de traballo de Álvaro observaron e fotografiaron a troita, toda unha sensación na cervexaría Alameda á que tampouco se resistiron o alcalde, Andrés Díaz, e os concelleiros Lito Muíños e Manolo Barreiro. Despois da sesión fotográfica e da celebración, o peixe acabou na casa de Álvaro.

Segundo indicou, ten previsto degustalo esta fin de semana, pero aínda non está decidido como a preparará. Os consellos foron moitos, desde cocela e acompañala de maionesa ata preparala ao forno, pero a elección final quedará entre as paredes da súa casa de Taboadelo.

O alcalde aproveitou a captura para lembrar que chega tan só dúas semanas antes da Festa da Troita e confirma o prestixio troiteiro deste río. Confía, ademais, en que animará a participar no Concurso Internacional de Pesca que se celebra todos os anos coincidindo coa celebración.