A Consellería de Medio Rural está a investigar os incendios forestais rexistrados nas comarcas de Pontevedra e O Salnés nas últimas semanas. Non se trata dunha excepción, senón que se investigan todos os lumes. A diferencia aquí é que en alomenos dous deles localizaron artefactos incendiarios que afondan máis na hipótese de que foron intencionados.
Segundo a información facilitada desde a delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, eses dous incendios sucederon este mes de agosto na parroquia pontevedresa de Alba e no municipio da Illa de Arousa.
En Alba, onde o lume se achegou ás casas do lugar de A Devesa o 16 de agosto, localizaron un petardo. En A Illa de Arousa localizaron bengalas o día 7.
Desde a Xunta lembran que unha vez se detecta un incendio forestal, o Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galicia que acude ao lugar dos feitos non só atalla o lume. Se ven algún obxecto susceptible de ser investigado pola súa posible natureza incendiaria, recólleno e póñeno en coñecemento e disposición dos corpos e autoridades pertinentes.
Esas autoridades que investigan son a Policía Autonómica, a Garda Civil e a Unidade especializada de Investigación de Incendios Forestais da Xunta (UIFO), que traballan de xeito colaborativo.
A partir de aí ábrese unha investigación, do mesmo xeito que tamén se investigan sempre as causas dos diferentes incendios forestais en base aos indicios ou probas existentes (por exemplo, cámaras de videovixilancia). Desde a Xunta confirman que "por agora", as investigacións dos últimos lumes rexistrados aínda están abertas.
A Xunta tamén constata que preto do 75 por cento dos lumes son intencionados, se ben esta porcentaxe sube ao 90% en moitos concellos e parroquias de Galicia. Recoñecen que, a maiores da intencionalidade, tamén pode haber outras causas como causas naturais, escape de queimas ou outro tipo de descoidos, pero insisten en que a intencionalidade segue a ser o factor principal na meirande parte dos incendios forestais que se declaran en Galicia.