A Policía Local de Poio informa este luns dun ataque dun can sucedido o xoves en Raxó. Trátase dun animal de raza pitbull que, segundo indican, atacou un gato ata producirlle a morte. Xa dúas semanas antes, o 8 de marzo, este mesmo can atacara unha señora e o día 1 do mes foi localizado solto na casa dun veciño.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, o 21 de marzo o ataque foi durante a mañá despois de que o animal fuxira da parcela na que vive a través dun enreixado en mal estado.
Esta can de raza potencialmente perigosa xa o coñecían polo ataque do 8 de marzo, no que, con outro animal, fuxiron da parcela e atacaron esta muller, producíndolle lesións, e tamén a súa mascota.
O propietario destes pitbull carece de licenza municipal e xa fora proposto para sanción, tramitada ante a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Despois do ataque do día 8, a Policía Local solicitou a retirada urxente dos cans, como medida cautelar, polo ataque a persoas e a outros animais e a tenencia carecendo de licenza.
Esta orde cautelar non chegou e, despois deste novo ataque, os axentes chegaron a un acordo co propietario para unha cesión do animal. O can foi retirado e pasou a estar baixo custodia da canceira de Poio.
Desde Policía Local de Poio sinalan que "os actos realizados polo can son consecuencia da mala praxis do seu propietario" e que cos bos coidados da canceira, "pasará a mans dunha familia realmente merecedora do can".
A Policía Local lembra que os propietarios de animais potencialmente perigosos teñen a obriga de cumprir todas as normas de seguridade cidadá, de maneira que garantan a óptima convivencia dos animais cos seres humanos e eviten molestias e danos á poboación.
Neste caso, as sancións que lle atribúe a Policía Local son ter cans ou animais potencialmente perigosos sen licencia, deixar solto un animal potencialmente perigoso sen adoptar as medidas necesarias para evitar a súa fuxida, atoparse o can potencialmente perigoso en lugares públicos sen bozal ou sen cadea.
Coa nova lei de Benestar Animal, as multas van dos 500 aos 200.000 euros.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.