Un policía local denuncia un hostaleiro por botar uns vendedores do rastro da Verdura e montar a súa terraza

Pontevedra
02 de novembro 2015

O empresario Álvaro Ibaibarriaga do establecemento Pintxo Viño afirma que despois de que a policía local fixera caso omiso a súa petición para desaloxar os ambulantes que ocupan o seu espazo na Verdura, un axente denunciouno por montar as mesas da terraza para a que ten licenza dende hai oito anos

Momento en que os hostaleiros do Pintxo Viño tentan instalar as mesas da terraza ante os ambulantes
Momento en que os hostaleiros do Pintxo Viño tentan instalar as mesas da terraza ante os ambulantes / PontevedraViva

Unha nova situación conflitiva rexistrouse este domingo na praza da Verdura entre algúns vendedores ambulantes do rastro e os hostaleiros da zona cando tentan montar as súas mesas para instalar o servizo de terraza neste espazo público.

Nesta ocasión, Álvaro Ibaibarriaga do establecemento Pintxo Viño denuncia que, como todos os domingos ao redor das 12.00 horas, a praza está ocupada polos ambulantes, moitos deles de orixe romanesa, que teñen o material, principalmente roupa, esparexido polo chan. A esa hora, o hostaleiro quixo montar as mesas da terraza no espazo que ten adxudicado polo Concello.

Ibaibarriaga afirma que, en numerosas ocasións, algúns ambulantes conflitivos protestan e mesmo lles ameazan cando se lles indica que teñen que abandonar esa zona. Por este motivo, o empresario solicitou a un axente da policía local que lle pedise aos vendedores que abandonasen o lugar. Con todo, sempre segundo a versión do hostaleiro, o policía negouse a facelo

Ante esta situación, o xerente do Pintxo Viño decidiu "convidar" el mesmo aos vendedores do rastro a que abandonasen a superficie na que tiña que montar as súas mesas. Non se produciron incidentes, pero Ibaibarriaga recoñece que lle reprochou ao axente que non levase a cabo o servizo que lle solicitara. Ante esta reacción, o policía prohibiulle que instalase as mesas e as cadeiras da terraza do Pintxo Viño. Ante esta orde, o empresario indicou que el pagaba a súa taxa para instalarse nesa zona desde hai oito anos e continuou montando. O axente levantou acta e denunciou o empresario por desacato ante a autoridade.

Ibaibarriaga mostrouse sorprendido pola reacción e afirma que non entende como poden sancionalo cando tenta exercer o seu dereito para instalarse na praza polo que paga unhas taxas, mentres os ambulantes non pagan ningún canon. Na tarde do domingo achegouse ata as oficinas da Xefatura da Policía Local para solicitar unha copia da denuncia. Alí dixéronlle que ata o martes non podía recollela nin presentar unha queixa.

O empresario púxose en contacto coa concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, para transmitirlle o seu malestar pola denuncia.

Este incidente enmárcase dentro das protestas xurdidas ante a proliferación de novos vendedores no rastro de antigüidades da Verdura e que levou ao goberno local a estudar a posibilidade de trasladalo á rúa Serra.