"Tengo aquí el regalito de Navidad", bromea Álvaro Ibaibarriaga, Mesmo ri, pero detrás desa risa escóndese a indignación. O 'agasallo' que sostén na man é o expediente administrativo que lle abriu a Subdelegación do Goberno por desobediencia á autoridade por mor da denuncia que lle puxo o 1 de novembro un axente da Policía Local de Pontevedra cando tentaba montar a mesas da terraza do seu local, o Pintxo Viño, na praza da Verdura durante o mercado de antigüidades que se adoitaba celebrar alí os domingos. O importe parécelle "una injusticia": 601 euros.
O venres chegoulle á súa casa familiar en Áraba a multa e a súa irmá reenvioullo. Este mércores acudiu en compañía do seu avogado á Subdelegación do Goberno para recoller o expediente completo. Con ambos os documentos na man, soubo que lle impoñen 601 euros por desobediencia á autoridade porque os feitos están considerados como unha infracción grave na nova Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade, a coñecida como Lei Mordaza.
Álvaro Ibaibarriaga xa anuncia que recorrerá a proposta de sanción e pensa "llegar hasta el final" porque "lo que están haciendo es un abuso". Insiste en que el paga por usar o espazo, pero "me han metido 601 euros por levantarme para ir a trabajar". Recoñece que aquela mañá tivo un encontrón co policía, pero nega que lle dixese as frases que lle atribúe a multa e mesmo matiza que no documento recóllense varias frases súas en galego. "¿Cómo iba a decir eso en gallego. Casi no puedo ni leerlo, hablarlo ya...", indica este hostaleiro natural do País Vasco e que leva seis anos rexentando o Pintxo Viño en Pontevedra.
Todo ocorreu sobre as 12.15 horas do 1 de novembro. Cando se dispuxo a montar as mesas que ten a diario na praza, non puido porque había uns vendedores ambulantes cunha manta e obxectos de segunda man, de modo que se dirixiu a dous policías que estaban na zona para pedirlles que instasen os vendedores a deixar libre o seu espazo. Ante a negativa dos policías, el mesmo pediullo e os feirantes fixéronlle caso e fóronse.
A Policía Local denunciouno por desobedencia á autoridade e a Subdelegción abriulle un expediente sancionador
Tanto o hostaleiro como os axentes coinciden en que iso foi o que ocorreu, pero discrepan no contido das conversacións que mantiveron. Álvaro Ibaibarriaga asegura que "yo solo les pedí ayuda, como hice antes a otros policías en estos seis años y siempre me ayudaron". O axente redactou na multa que se dirixiu a eles "de forma despectiva" e díxolles "todos os domingos pasa o mesmo". Tras ir el mesmo a falar co vendedor, volveuse a achegar a eles para dicirlles "pois non era tan difícil".
A multa indica que os axentes lle comunicaron que os domingos esa zona estaba habilitada para a venda ambulante e que esta actividade era "incompatible" con instalar os seus veladores, pero que el insistiu en poñer as súas mesas e respondeulles "si, e que, vasmo a prohibir ti" e "haber como mo vas prohibir, estou a pagar os veladores e vounos a montar para iso pago" (sic). Cando os axentes dixéronlle que o ían a denunciar, segundo a versión recollida na multa, el respondeu "pois denuncia que para iso estás".
Álvaro Ibaibarriaga discrepa do contido da multa, imposta por desobediencia á autoridade e aos seus axentes no exercicio das súas funcións e por "alegación de datos falsos ou inexactos nos procesos de identificación". Esta última infracción cometeuna cando esa mañá identificárono para logo denuncialo.
Pedíronlle o DNI e, ao ver que figuraba un domicilio de Áraba, preguntáronlle pola súa dirección actual, posto que hai anos que rexenta o Pintxo Viño en Pontevedra. El respondeulles: "a miña dirección é a que aparece no documento de identidade ou non a ves". Posteriormente, pescudaron que se empadroou en Pontevedra en decembro de 2013 e recentemente, en abril de 2015, mudouse a Poio. A sanción foille enviada, de todos os xeitos, á dirección que el facilitou, a de Áraba que está no seu DNI.