Un portal de Belén une a usuarios do Fogar dos Maiores e da Escola de Ocio de Ribadumia

O Salnés
26 de decembro 2023

Durante esta xornada de convivencia, escolares e maiores colaboraron na creación deste Portal de Belén, que será instalado ás portas da Casa de Cultura de Ribadumia e poderá ser visitado por toda a veciñanza durante estas datas

Participantes na actividade entre o Fogar de Maiores e a Escola de Ocio
Participantes na actividade entre o Fogar de Maiores e a Escola de Ocio / Concello de Ribadumia

Integrantes da Escola de Ocio de Ribadumia e persoas usuarias do Fogar dos Maiores de Ribadumia participaron nunha actividade conxunta consistente na creación dun Portal de Belén, que será instalado na entrada da Casa de Cultura de Ribadumia para que poida ser visitado pola veciñanza.

Tanto os maiores como os escolares compartiron unha xornada de xogos e de anécdotas de xeracións distintas.

Esta actividade forma parte da programación de Nadal no Concello de Ribadumia que continúa este xoves 28 de decembro, ás 11.30 horas, na entrada do edificio consistorial. Alí o público infantil terá unha cita co paxe real que se encarga de recoller as cartas destinadas aos Reis Magos.

O representante de Melchor, Gaspar e Baltasar permanecerá ata as 13.00 horas entregando caramelos e larpeiradas aos pequenos que asistan á cita.

O Concello de Ribadumia convida a todas as familias que o desexen a participar deste encontro para que os máis pequenos gocen dunha xornada ilusionante.