Un preacordo suspende a folga de ambulancias

Pontevedra
19 de marzo 2019

Entre os compromisos asinados coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais na madrugada deste martes figura unha subida gradual e acumulada do 12,5% repartida en catro anos e unha terceira paga extra

Pintadas nunha ambulancia CIG

Tras sete horas de reunión os sindicatos CIG, UXT e CC.OO. e a Federación Galega de Empresarios das Ambulancias alcanzaron un preacordo que pon fin ao conflito laboral no sector e ofrece un horizonte de convenio renovado con vixencia ata 2022.

Entre os compromisos asinados coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais na madrugada deste martes figura unha subida gradual e acumulada do 12,5% repartida en catro anos e unha terceira paga extra.

Os paros quedan en suspenso á espera de que as asembleas de traballadores ratifiquen este mércores o texto e desconvoquen de maneira oficial a folga.

Se a resposta é positiva as partes volverán reunirse o día 25 para asinar o novo convenio colectivo para o sector.