Un problema na sinatura electrónica provoca un colapso nas notificacións xudiciais de Pontevedra

Pontevedra
04 de setembro 2018

Segundo fontes sindicais, os xulgados máis afectados son os de Instancia 1, 3 e 5 con 465 documentos bloqueados nas últimas horas que non poden ser notificados. Denuncian que desde o xoves 22, data en que foi notificada a incidencia, non se resolveu un problema que está a afectar no traballo dos funcionarios xudiciais

Estrea de pantallas na sala de vistas da sección cuarta da Audiencia Provincial
Estrea de pantallas na sala de vistas da sección cuarta da Audiencia Provincial / Paula Sanmartín

A sala de vistas da sección cuarta da Audiencia Provincial estreaba este primeiro martes de setembro dúas pantallas planas, unha de gran tamaño ante os maxistrados, nas que se ofrece a gravación dos xuízos tanto aos tribunais como aos auxiliares na sala.

Este avance, malia todo, contrasta coas deficiencias que se rexistran noutros departamentos da administración de xustiza. Desta forma, Fina Iglesias, de Xustiza-CUT, denuncia que a firma electrónica non funciona desde o pasado xoves 22 de agosto causando un colapso na actividade de xestión das notificacións xudiciais.

Segundo fontes sindicais, esta incidencia está a afectar principalmente aos xulgados de Instancia número 1, 3 e 5. Neles acumuláronse, durante as últimas horas, 465 firmas electrónicas de documentos de letrados, que non poden notificarse.

Desde Xustiza-CUT sinalan que nin o coordinador responsable nin a través do Centro de Atención ao Usuario (CAU) se levou a cabo unha revisión do servizo que permitise que todo puidera estar listo para o funcionamento neste inicio do mes de setembro.

"Despois din que hai axilidade informática", quéixase Fina Iglesias ao lembrar que desde este luns tiña que estar todo preparado para realizar estas notificacións xudiciais despois do baixón de actividade durante o mes de agosto.

Desde o sindicato lémbrase que no sistema de comunicacións telemáticas electrónicas LexNET limitouse, por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o número de notificacións diarias por órgano xudicial co obxectivo de evitar un exceso de material documental no arranque do mes. Con todo, o incidente da firma electrónica provocou un problema imprevisto e Xustiza-CUT reclama da administración de xustiza que se resolva canto antes esta situación, que está a provocar a paralización no traballo do persoal.