Un proxecto escolar con compromiso social enche de enerxía xuvenil a contorna do Mercado de Abastos

Pontevedra
11 de maio 2022

Sete centros escolares da provincia participaron neste programa 'DepoEmprende na ESO', que se clausuraba este mércores coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, entre outras autoridades. Esta iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra permitiu ofrecer produtos de elaboración propia acadando fondos para asociacións de ámbito social e sanitario

Xornada de clausura de DepoEmprende na ESO PontevedraViva

Sete centros escolares de Pontevedra, Vilaboa, Cangas, Gondomar, Moaña, Redondela e Tui montaban os seus postos de venda este mércores fronte ao Mercado de Abastos de Pontevedra dentro da iniciativa denominada 'DepoEmprende  na ESO'. Carmela Silva, presidenta da Deputación, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañados doutras autoridades provinciais e municipais e representantes do CCU Zona Monumental co presidente Miguel Lago, visitaban este espazo de venda para entregar os diplomas de participación e realizar compras nos distintos postos.

"Queremos que as nenas e nenos aprendan a crear economía con valor social. Este é un proxecto fermoso e que dá moito traballo. Agardamos que non quede nin un só produto nos seus postos", indicaba Carmela Silva durante a visita convidando a todas as persoas que se atopaban nos arredores do Mercado de Abastos a investir neste proxecto colaborativo.

A presidenta provincial encomiou esta iniciativa de cultura emprendedora que se desenvolve nos centros educativos para crear actividade económica sobre valores humanos e non pensar exclusivamente no beneficio propio senón no beneficio social. A proposta permite que o alumnado analice ideas de márketing, internacionalización, creación colectiva, propostas para novas demandas e finalmente a posta en marcha da venda de produto. Carmela Silva  desstacaba a importancia do traballo en equipo, distribuíndo roles con achegas de todos os integrantes.

Ao longo da Rúa Serra atopábanse produtos como marmeladas, rosquillas, galletas, mel ou madalenas elaboradas polo alumnado que participa nesta iniciativa da Deputación de Pontevedra para estimular o emprendemento entre a mocidade. Trátase dun proxecto de responsabilidade social corporativa, explicaba Fernández Lores durante a súa intervención xa que parte dos fondos que se obteñan destinaranse a asociacións socio-sanitarias como COGAMI ou a Asociación contra o cancro. "Estas rapazas e rapaces son o futuro do país e este programa pode estimular futuro emprendemento", comentou o rexedor.

Da zona local participaron, dentro das dez cooperativas creadas, no proxecto o IES Luís Seoane de Pontevedra e o CPI  do Toural de Vilaboa.