A administración de lotería situada na rúa Madrid de Sanxenxo repartiu 5.760.000 euros no sorteo especial de Nadal, celebrado este martes 22 de decembro.
Fíxoo grazas a un quinto premio ao número 89.023, agraciado cun premio de 60.000 euros á serie e 6.000 ao décimo.
En Sanxenxo vendéronse un total de 96 series.
Ademais o terceiro premio, ao número 05163, salpicou a Vilagarcía de Arousa, onde a administración da rúa Rei Daviña vendeu unha serie (500.000 euros), mentres en Paradela (Meis), o bar Casa Samuel repartiu participacións dun dos cuartos premios, o 71119, agasallado con 200.000 euros á serie.
Foron todos eles dos últimos premios en saír dun sorteo que ata ese momento esquecérase da comarca de Pontevedra, mentres en Galicia só se celebraron varios quintos repartidos por toda a comunidade.
En canto ao Gordo, fíxose esperar ata as 12:13 horas e foise integramente a Roquetas de Mar (Almería) grazas ao número 79140.