Non se fala doutra cousa en Sanxenxo. Alí, na administración de lotería da rúa Madrid, venderon 960 décimos do número 89023, quinto premio do sorteo de Nadal, e repartíronse 5.760.000 euros.
Case seis millóns de euros (96 series) que se poden considerar moi repartidos grazas a que un dos establecementos que repartiu os décimos é a Cafetería California, situada en pleno Paseo de Silgar. Alí venderon un total de 850 décimos e na administración, 110. En ambos os dous lugares agotáronse as existencias e xa hai días que non quedaban billetes.
A sorte estivo moi repartida, ao venderse todos os décimos entre particulares, pero, ademais, chegou dende Sanxenxo a toda España. Empezou a venderse a principios do verán e a maioría dos compradores foron turistas, tanto dos habituais que cada ano pasan as súas vacacións nas Rías Baixas e teñen xa casa na zona como entre os ocasionais que este ano gozaron da praia de Silgar e quixeron probar sorte mercando a lotaría do lugar onde comeron ou tomaron un café ou unha copa durante o seu descanso estival. Os compradores que colleron o número directamente na administración era, segundo o loteiro, "casi todo gente de aquí", mentres que os clientes do bar eran, segundo a súa dona, Clotilde Ferreiro, "casi todo turistas y 15 o 20 de aquí".
Xusto cando se coñeceu a noticia, a administración estaba aberta, pero de seguida pechou. Todo o foco de atención se centrou no bar en cuestión, pero adoita estar pechado ata as 15.00 horas, de modo que a celebración da chuvia de millóns fíxose esperar. Tardou, pero chegou con forza, pois a partir das tres da tarde houbo festa rachada neste establecemento da rúa das Cunchas, a poucos metros da praia de Silgar.
Aínda que o bar estivo nos primeiros minutos pechado, si houbo alegría nas súas proximidades dende o primiero minuto, pois unha das agraciadas foi a veciña que vive xusto enfronte, María Dolores Aspérez. "Vivo enfrente y es el único que cojo, porque si toca ahí y yo no cojo me da algo", explicou ante os numerosos medios de comunicación que ata alí se desprazaron.
A felicidade era máxima. Sanxenxo foi o lugar máis premiado de Galicia, repartindo nun só premio máis da metade dos 10,6 millóns que a Lotaría de Nadal deixou este ano en total entre todos os galegos.
A casualidade quixo ademais que esta cafetería sexa unha das que frecuenta Mariano Rajoy cando acode a Sanxenxo. O presidente do Goberno, despois de que o pasado ano contase cun boleto agraciado coa terminación do gordo e o terceiro premio, nesta ocasión quedou sen premio. Non así os seus escoltas. Un deles comprou dous décimos a principios do pasado verán, segundo confirmou a propietaria do local, Clotilde Ferreiro.