Un incendio forestal atópase activo na Illa de Ons, pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. A consellería do Medio Rural recibiu un aviso ás 16.56 horas deste xoves 17 de setembro do avance dun lume en terreo forestal deste arquipélago.
Segundo as primeiras investigacións, apuntan desde Medio Rural que a orixe do incendio pode estar na caída dun raio como consecuencia das tormentas que se están producindo esta tarde nas Rías Baixas.
A Xunta ordenou xa a mobilización de dous axentes forestais e catro brigadas que viaxan nestes momentos cara á illa pertencente ao Concello de Bueu para valorar os danos e levar a cabo os labores de extinción.
O incendio afectou principalmente a zona de matogueira nunha das escarpadas ladeiras da illa, cunha primeira estimación que sitúa en 4 as hectáreas calcinadas, todas elas de monte raso.
Ás 00.12 horas da madrugada, o lume quedou estabilizado, segundo a información da Consellería de Medio Rural. A medición inicial de 4 hectáreas é provisional, segundo as mesmas fontes, ata que se parametrice a superficie final afectada. O servizo de extinción indicou que o lume quedou controlado ás 11.10 horas desta venres.
Mobilizáronse para a extinción 5 axentes, 13 brigadas, unha motobomba e un helicóptero.