Un selo para homenaxear os gardamariñas

Marín
15 de xuño 2017

Con fondo azul referente ao mar, a imaxe de perfil dos coñecidos como cabaleiros gardamariñas e o famoso buque Juan Sebastián Elcano. Así é o selo que Correos emitirá para conmemorar os 300 anos da Real Compañía de Guardamarinas e que foi presentado este xoves na Escola Naval de Marín

Presentación do selo conmemorativo do 300 aniversario da Real Compañía de Guardamarinas
Presentación do selo conmemorativo do 300 aniversario da Real Compañía de Guardamarinas / Correos

Con fondo azul referente ao mar, a imaxe de perfil dos coñecidos como cabaleiros gardamariñas e o famoso buque Juan Sebastián Elcano. Así é o selo que Correos emitirá para conmemorar os 300 anos da Real Compañía de Guardamarinas e que foi presentado este xoves na Escola Naval de Marín.

Cun valor de 1,25 euros, que permite o franqueo dunha carta a calquera país da Unión Europea, a tirada realizada por Correos é de 210.000 exemplares.

O presidente de Correos, Javier Cuesta, explicou que este selo non busca só lembrar esta efeméride, senón tamén ser unha "homenaxe" ao labor das forzas armadas españolas.

Este selo conmemorativo pon o broche de ouro a unha celebración na que, recentemente, participaron o rei Felipe VI e o seu pai, o rei emérito Juan Carlos I.

O novo selo destaca a efeméride da institución onde os futuros oficiais da Armada española reciben toda a formación necesaria para desempeñar o seu labor.

Con esta emisión, Correos volve recoñecer personalidades e feitos históricos relacionados coa Armada.

Nos últimos anos, entre outros, realizáronse selos para homenaxear ao científico, militar e mariño español Antonio de Ulloa, ao enxeñeiro naval e científico Jorge Juan ou os aniversarios da botadura do submarino Peral ou a infantería de Mariña, ao buque oceanográfico Hespérides ou o propio Juan Sebastián Elcano.