Para cooperar e axudar aos concellos da provincia a captar fondos europeos a Deputación de Pontevedra vén de lanzar un sistema de alertas e un boletín informativo dirixido aos gobernos locais, que terá carácter mensual, para dar conta das oportunidades de financiamento en marcha e das convocatorias por vir que xorden no marco europeo.
A iniciativa canalízase a través da Oficina de Proxectos Europeos que creou este mesmo ano a institución provincial e que coordina os traballos de captación de fondos europeos de interese para as entidades locais.
O primeiro número inclúe todas as convocatorias e novidades de interese para as entidades locais dentro do Plan de Recuperación do Goberno, así como tamén dos fondos estruturais e do marco financeiro plurianual da Unión Europea.
De feito hoxe mesmo publicáronse as bases reguladoras e convocatoria para 2022 do programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano.
No primeiro boletín preséntanse tamén ligazóns para convocatorias xa abertas e para consultar outros programas pendentes de convocatoria.