O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra xa xestionou no que vai de ano 2020 un total de 302 adopcións de cans e cadelas que estaban nas súas instalacións da Armenteira.
Segundo a información facilitada pola Deputación Provincial, se o centro continúa co mesmo ritmo de adopcións, poderá rematar o ano con máis cans cun novo fogar que os contabilizados en 2019, cun total de 466.
As adopcións estiveron practicamente suspendidas entre o inicio do estado de alarma o 14 de marzo e o 11 de maio, data na que que comezou a fase 1 da desescalada e se retomou o sistema de cita previa.
Dende entón, houbo 208 adopcións, das que hai que destacar as rexistradas durante os meses de verán. Así, en xuño saíron do CAAN 57 os cans e cadelas; en xullo, 62; e do 1 ao 16 de agosto, 24 adopcións.
En canto aos cans recollidos, ata o 16 de agosto foron un total de 747, cunha media de 99,6 por mes. A media é inferior ás 126,8 adopcións mensuais do pasado 2019, anualidade que se pechou con 1.332 recollidas.
As persoas interesadas deben solicitar a cita no teléfono 986 140 360 e, unha vez que se despracen ao recinto da Armenteira, deberán agardar se é preciso a súa quenda no exterior do centro, co obxecto de evitar concentracións, cumprindo así o protocolo Covid-19. Outras medidas adoptadas polo centro dependente da institución provincial son a atención individualizada a cada visitante, a utilización de luvas e máscaras dentro do recinto e o mantemento das distancias de seguridade.
Na actualidade hai 50 concellos da provincia adheridos a este servizo da Deputación para a recollida de animais. Recentemente, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, inaugurou as obras de reforma do centro, que permitiron, entre outras actuacións, eliminar as gaiolas da zona de corentena, así como habilitar unha nova zona de maternidade e mellorar a de hospitalización e clínica.