Con motivo da celebración este domingo 4 de outubro do Día Mundial dos Animais, a Deputación de Pontevedra lanzou unha nova campaña de concienciación para fomentar a súa defensa e protección, denunciar o abandono e o maltrato e promover as adopcións.
Esta iniciativa on line está centrada nos cans do Centro de Acollida e Protección (CAAN) e anima á cidadanía a compartir mensaxes na web institucional e nas redes sociais corporativas en defensa e protección dos animais.
Un audiovisual, diferentes creatividades e unha galería mostran aos cans que están no centro esperando unha oportunidade de atopar un fogar, amais de mensaxes de familias que adoptaron en Caan e que contan a súa experiencia.
A pesares do parón de dous meses que supuxo o confinamento, ata o 1 de outubro xa son 411 os cans que atoparon un novo fogar, 12 deles en Portugal.
Hai que lembrar que as adopcións no centro son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados.