O Centro de Acollida de Animais pechou 2020 cun récord de adopcións e menor número de recollidas

O Salnés
07 de xaneiro 2021

O 2020 foi o mellor ano na historia do Centro de Acollida e Protección de Animais ( CAAN) da institución provincial polas "excepcionais" cifras de adopcións alcanzadas, que levaron a romper o seu récord anual e polo descenso no número de recollidas de cans con respecto ao 2019  

"Linda", a primeira cadeliña adoptada no 2021
"Linda", a primeira cadeliña adoptada no 2021 / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva informou en rolda de prensa que o 2020 foi o mellor ano na historia do Centro de Acollida e Protección de Animais ( CAAN) da institución provincial polas "excepcionais" cifras de adopcións alcanzadas, que levaron a romper o seu récord anual e polo descenso no número de recollidas de cans con respecto ao 2019. 

Estas circunstancias permitiron pechar o ano cun menor número de animais nas instalacións de Meis que se cifra na actualidade en ao redor de 200. 

A presidenta fixo balance da actividade do centro e destacou que o número de adopcións foi finalmente de 583, con 117 máis que o 2019, en que estaba establecido o anterior récord (466).

Ademais confirmouse unha "clara tendencia á baixa" no número de recollidas, que no 2020 situouse en 1.144, polas 1.332 de 2019 e as 1.788 do 2018.

O ano 2021 comeza tamén con bo pé, ao rexistrarse xa na primeira semana de xaneiro 6 adopcións, a primeira, a de "Linda", unha preciosa cadeliña que o día 1 viaxou ao seu novo fogar en A Coruña. A este respecto, Carmela Silva fixo coa imaxe da cadela un chamamento para que a xente continúe a adoptar animais, pero con responsabilidade. 

A presidenta lembrou que "adoptar é responsabilizarse" e cando se toma esa decisión "é para sempre", durante toda a vida destes animais que "non son un agasallo, son seres vivos que temos que respectar, coidar e que forman parte da nosa familia cando tomamos esta decisión", dixo Carmela Silva.

Un total de 569 das 583 alcanzadas no 2020 formalizáronse en España, 13 en Portugal e 1 en Holanda. Das primeiras, 523 corresponden a fogares galegos, mentres que o resto dos animais viaxaron a Castela León (20), Asturias (8), Cataluña (4), Madrid (6), Castela A Mancha (1), País Vasco (3) e Andalucía (4). 

En Galicia a maior parte das adopcións, foron na provincia de Pontevedra, cun total de 425, seguidas por Lugo (68), A Coruña (28) e Ourense (2). E dentro da provincia, a cidade de Vigo ten o maior número de adopcións (50); seguida de Pontevedra (46), A Estrada (36), Meis (26), Sanxenxo (22), Cambados (21), Marín (18) e Vilagarcía (15).