O CAAN bate o seu récord anual de adopcións

Pontevedra
03 de novembro 2020

No 2020, 467 cans atoparon un novo fogar. Pola contra, e aínda que a tendencia está a decrecer, neste ano foron abandonados 988 animais

Marce é a cadela máis veterana do CAAN, que bate o seu récord de adopcións
Marce é a cadela máis veterana do CAAN, que bate o seu récord de adopcións / Deputación de Pontevedra

O Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra ( CAAN) acaba de superar o seu récord anual de adopcións. A falta de dous meses para pechar o 2020, 467 cans xa atoparon un novo fogar superando así a cifra rédord do 2019. 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou o "magnífico" balance nun ano no que o CAAN suspendeu as adopcións durante dous meses pola pandemia. 

Das 467 adopcións, 454 formalizáronse en España, mentres que as restantes fóronse a Portugal. En territorio nacional 417 quedaron en Galicia, mentres que 18 viven agora en Castela e León, 5 en Asturias, 4 en Cataluña. 3 en Madrid, 3 en País Vasco e outros 3 en Andalucía. A provincia de Pontevedra acolle o maior volume de adopcións con 337, seguida de Lugo (55), A Coruña (23) e Ourense (2). Por concellos, Pontevedra é o máis acolledor (37), seguido de Vigo (32) e Meis (24).

Desde o centro destacan ademais as adopcións dos tres cans que máis tempo levaban nas instalacións. Agora Marce é a veterana do CAAN con tres anos de vida neste complexo, do mesmo xeito que o seu irmán Teodoro. Ambos os abandonados en Lalín. Xunto a eles esperan adopción outros 230 cans.

As boas noticias non se deben só ao incremento de adopcións, os abandonos tamén se reducen. Aínda así, desde xaneiro recolléronse 988 animais.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora