O CAAN supera as 500 adopcións no que vai de ano

Pontevedra
30 de novembro 2020

Se a finais do pasado outubro lograba bater a súa marca histórica de adopcións anuais, que estaba en 466 animais, esta mesma semana as instalacións da Armenteira xa superaron os 500 cans e cadelas adoptados. Era a cifra que a institución se marcara como novo obxectivo para todo o ano. Concretamente, segundo a Deputación, son xa 514 os animais que desde xaneiro atoparon un novo fogar

O CAAN supera as 500 adopcións
O CAAN supera as 500 adopcións / CAAN

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra segue batendo récords neste 2020.

Se a finais do pasado outubro lograba bater a súa marca histórica de adopcións anuais, que estaba en 466 animais, esta mesma semana as instalacións da Armenteira xa superaron os 500 cans e cadelas adoptados. Era a cifra que a institución se marcara como novo obxectivo para todo o ano. Concretamente, segundo a Deputación, son xa 514 os animais que desde xaneiro atoparon un novo fogar. Trátase dunha cifra "espectacular" xa que, polo confinamiento derivado da pandemia da covid, as adopcións estiveron suspendidas entre o 14 de marzo e o 11 de maio.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo destacar estes datos cando aínda queda un mes para que remate o 2020, subliñando que "a maior concienciación da sociedade sobre benestar animal e as continuas campañas para a adopción e contra o abandono, e de visibilización dos animais explican este aumento. Desde 2015 levamos xa preto de 2.500 animais adoptados non só na provincia, senón noutros lugares de Galicia, do Estado e incluso do estranxeiro, especialmente Portugal".

Pola súa banda, o número de recollidas nos centros adheridos foi menor que noutros anos, situándose en 1.052, cando o foron un total de 1.332. Ademais, da citada cifra a metade dos animais foron recuperados polos seus propietarios e propietarias, concretamente 308 cans e cadelas foron recollidos no mesmo lugar do aviso da súa aparición, e outros 205 nas propias instalacións do CAAN.

O centro de acollida presta servizo a 50 concellos da provincia. A Deputación tamén lembra que as adopcións son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora