O Xulgado do Social número 2 de Pontevedra vén de recoñecer o dereito de conciliación do persoal de Mercadona unha vez rematado o período de garda legal para o coidado de crianzas menores de 12 anos.
O Xulgado recoñece o dereito dunha delegada da CIG a ampliar o dereito de conciliación laboral mantendo o seu horario até que as súas crianzas cumpran 15 anos.
A decisión xudicial aclara o artigo 22 do convenio colectivo da empresa, que posibilita ampliar o dereito de conciliación até que as crianzas cumpran 15 anos mediante un novo contrato. Mais a dirección aplicábao de xeito que permitía a redución da xornada, pero non establecer unha distribución horaria que garantise a conciliación.
Responsables da CIG-Servizos de Pontevedra compareceron este venres en rolda de prensa para denunciar que a empresa está a limitar na práctica o dereito de conciliación da vida laboral e familiar, "mais poucos meses despois de que a central lograse representación no comité provincial de Pontevedra o cadro de persoal comeza a avanzar en dereitos".
Neste senso, lembraron que tanto a dirección como os sindicatos CCOO e UGT entendían que esta parcialidade xa garante o dereito de conciliación, "pero nós cremos que se non existe un horario pactado coa empresa non existe conciliación como tal". Agora a sentenza vén a establecer precisamente isto, que se trata dun dereito de conciliación e non só a parcialidade do contrato.
"Nin CCOO nin UGT se atreveron a reclamar este dereito e permitiron que Mercadona actuase con total liberdade á hora de aplicalo", mafiestaron os representantes da CIG.