Unanimidade en Ponte Caldelas para solicitar á Xunta o arranxo da estrada Laxoso-Augasantas

Ponte Caldelas
27 de maio 2016

A moción foi pactada co Concello de Cotobade e todos os grupos estiveron dacordo en solicitar á Xunta de Galicia o arranxo da estrada PO-234

Pleno en Ponte Caldelas
Pleno en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

A moción conxunta para solicitar á Xunta de Galicia o arranxo da estrada PO-234 entre Laxoso e Augasantas, pactada co Concello de Cotobade, contou co apoio unánime de todos os grupos con representación na corporación de Ponte Caldelas durante o pleno celebrado na noite deste xoves 26.

O alcalde, Andrés Díaz, tentou introducir un cambio no texto para esixir á Xunta a firma dun convenio vinculante con prazos concretos. Con todo, o PP mostrou o seu rexeitamento e mantívose o texto inicial ao entender o goberno local tripartito que era preferible manter a unanimidade neste punto.

Retirouse, durante a sesión plenaria, a moción que presentou o goberno local para instar o Consorcio Galego da Igualdade e do Benestar a posta en marcha da Casa da Quintán, que foi restaurada pola Xunta para usos sociais cun investimento próximo aos 500.000 euros e que se mantén sen uso desde 2008. Andrés Díaz adoptou esta decisión ao comprobar que o grupo do PP introducía queixas formais sobre a competencia do departamento ao que se dirixía a moción. Debaterase no próximo pleno cun texto compartido por todos os grupos.

O goberno local pretende que esta casa se abra canto antes para fins relacionados co benestar social.

Dos oito puntos sometidos a votación durante a sesión, sete foron aprobados, cinco deles cos votos favorables de todas as forzas mentres que dous puntos contaron coa abstención dos concelleiros do PP.

Arquivado en