Unanimidade plenaria na aprobación do Plan de Defensa contra incendios forestais en Cuntis

Umia
27 de maio 2022

Este plan foi elaborado despois da sinatura do convenio entre o Concello, a Fegamp e a Consellería de Medio Rural, que permitiu a contratación do traballo á empresa pública Seaga para actuar nunha superficie de 7.980 hectáreas das oito parroquias do municipio

Pleno en Cuntis
Pleno en Cuntis / Concello de Cuntis

O pleno celebrado nas últimas horas no Concello de Cuntis aprobaba por unanimidade de todos os grupos o seu Plan Municipal de Defensa contra os incendios forestais, que entrará en vigor de maneira inmediata. Este documento elaborábase despois de que o Concello asinase un convenio coa Fegamp e coa Consellería do Medio Rural. 

Grazas a este acordo contratouse o traballo á empresa pública Seaga para intervir nunha superficie de 7.980 hectáreas que afectan ás oito parroquias municipais. O Plan establece as directrices para evitar que se rexistren incendios no territorio. O documento recolle os riscos existentes nas parroquias utilizando como basee situacións previas en épocas de incendios. Ademais, determina e define as faixas secundarias de xestión de biomasa.

Este último paso dado no pleno conclúe a longa tramitación que supuxo abordar esta iniciativa, segundo indica o goberno local. As afectacións e detalles do Plan foron explicados en reunións coa veciñanza das distintas parroquias de Cuntis.

A corporación municipal tamén aprobaba por unanimidade no pleno o deslinde do Camiño da Misa e a desafectación do camiño público situado no lugar de Portela, neste último caso coa abstención do grupo do PP.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora