Unanimidade de todos os partidos en Cerdedo-Cotobade para mellorar a estrada de Borela

Cerdedo Cotobade
06 de decembro 2025

O investimento total ascende a 1,3 millóns. Cubela: "Trátase dun investimento histórico para a parroquia, froito da colaboración institucional e da aposta polo desenvolvemento equilibrado do rural"

Pleno en Cerdedo-Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade - Arquivo

Os partidos políticos con representación en Cerdedo-Cotobade apoiaron por unanimidade o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra destinado á mellora da mobilidade peonil na estrada Borela-Ponte Caldelas.

A actuación afecta ao treito da estrada provincial EP-0407 comprendido entre os puntos quilométricos 1+000 e 1+365.

Esta intervención, que abrangue desde a contorna da praza central de Borela ata a Casa do Pobo (Casa da Cultura Nélida Piñón), dará resposta a unha das demandas máis reiteradas e históricas da veciñanza.

O asunto aprobouse no pleno municipal de Cerdedo-Cotobade.  

O investimento total ascende a 1.299.323,68 euros, dos cales o 70% será financiado pola Deputación e o 30% polo Concello. O Concello tamén asumirá o custo das expropiacións necesarias.

O alcalde, Jorge Cubela, detaca que "trátase dun investimento histórico para a parroquia, froito da colaboración institucional e da aposta firme polo desenvolvemento equilibrado do rural”.

Co obxectivo de ofrecer información detallada sobre a actuación, o alcalde convocará aos veciños e veciñas de Borela a unha reunión informativa o vindeiro xoves, 11 de decembro, ás 18:00 horas.

Durante o encontro, o equipo técnico exporá as características do proxecto, resolverá dúbidas e presentará o calendario previsto de execución.
 
Trátase dun proxecto integral de accesibilidade, seguridade e posta en valor do espazo público. Ademais, crearase unha nova rede de pluviais.

O convenio permitirá executar unha plataforma única de lastros de pedra sobreelevada, que dará preferencia ao tránsito peonil, así como instalar novo mobiliario urbano, zonas verdes, iluminación LED de deseño, e proceder ao soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións. 

O rexedor tamén quixo destacar o papel do concelleiro da parroquia de Borela, Bruno Portela, subliñando a súa implicación continua neste tema.