Coincidindo coa conmemoración do 8-M, Día Internacional da Muller, o centro asociado da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) de Pontevedra impulsa a divulgación cultural desde a perspectiva de xénero con seis cursos específicos impartidos por especialistas do máis alto nivel sobre o papel da muller na sociedade, a historia, a loita contra todo tipo de violencia e a xenofobia, coordinador polo Departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais que dirixe Rafael Cotelo Pazos.
Así, o 7 de marzo, ás 18 horas, terá lugar unha conferencia sobre "O papel da muller no mar a través da fotografía (s. XVIII-XX)" impartida por José María Leal Bóveda, licenciado en Xeografía e Historia, Máster en Xestión do Patrimonio Cultural e investigador externo da USC.
O 11 de marzo comezará un "Curso avanzado de xestión en igualdade e diversidade: Inclusión e equidade para unha contorna laboral máis xusta" que contará como relatores con María José Garrido Antón, comandante, Xefe de área na Secretaría de Estado de Seguridade (SES) do Ministerio do Interior, doutora en Psicoloxía, Máster en Ciencias Forenses da Universidade Autónoma de Madrid e experta en Criminología (UNED), Criminal Profiling e VioGen.
Outro dos especialistas presentes será Javier Mingorance, pedagogo, mediador inscrito no Rexistro de Mediadores do Ministerio de Xustiza de España, mediador habilitado polo Departament de Xustiza da Generalitat de Catalunya. Experto en prevención da violencia contra as mulleres; e Belén Romero Sáez, profesora-titora de UNED Pontevedra, avogada especialista en Dereito Civil, de Familia, Administrativo e Penal.
Do 12 de marzo ao 28 de maio desenvolverase o curso que baixo o título "Entre Letras e Cámaras: A literatura de suspense escrita por mulleres e a súa adaptación ao cine" contará coa presenza de Eva Duarte Martínez, profesora-titora da UNED en Pontevedra, e Ana Isabel Zamorano Rueda, profesora titular do Departamento de Filoloxías Estranxeiras e as súas Lingüísticas da Facultade de Filoloxía da UNED.
Durante os días 28 e 29 de marzo terá lugar na UNED de Pontevedra o curso "Superando a islamofobia a través do diálogo e o coñecemento" onde a muller terá un papel protagonista e fundamental en que intervirán como relatores Manuel Corullón Fernández, licenciado en Estudos Árabes e islamística; Aicha Fernández Marín, graduada en Arqueoloxía e Antropoloxía e guía oficial de turismo especializada no legado andalusí; Omneia Sadek El-Shahat, psicóloga e Sherine Samy Gamaleldin, doutora en Tradución e Interpretación pola Universidade de Granada e profesora contratada interina en Universidade de Vigo.
Finalmente, do 1 ao 6 de abril, impartirase o curso "A violencia de xénero: aproximación desde un enfoque baseado no trauma" que contará coa presenza como docente de Mª Teresa Hernáez Casal, profesora-titora e psicóloga na especialidade en Igualdade e Violencia de Xénero.
Todo isto sumado ao curso de "Filósofas e pensadoras na historia (VI). Século XIX (II)" que se está impartindo na UNED desde o 26 de febreiro e estenderase até o 28 de maio coa presenza como relatoras de Rocio Carolo Tosar, doutora en Filosofía pola USC; Alba Igrexas Varela, doutora con Máster en Filosofía e investigadora da USC e Iván Rocha Regueira, investigador na Sociedade Galega de Estudos Nipóns.