Para quen sinta curiosidade polos habitantes alados dos nosos bosques, praias ou humidais ten unha cita este outono no centro asociado da UNED en Pontevedra que vén de anunciar a posta en marcha do curso "A observación outonal de aves no Sur de Galicia".
Trátase dunha proposta que se desenvolverá entre o 28 de novembro e o 27 de decembro de 2025.
A actividade poderá seguirse presencialmente ou en liña, en directo ou en diferido, e suma 30 horas lectivas e 1,5 créditos.
O obxectivo é achegar a ornitoloxía ao público xeral e animar á cidadanía a involucrarse na conservación do medio ambiente.
A dirección corre a cargo de Rosa Devesa Rey, profesora titora da UNED Pontevedra, e a coordinación recae en Rafael Cotelo Pazos, responsable de Extensión Universitaria.
O biólogo Diego Rodríguez Vieites, especialista en restauración de ecosistemas, será o encargado de guiar os contidos.
O programa formativo foi deseñado para abrir unha xanela ao apaixonante universo da ornitoloxía, con especial atención ás especies que habitan ou migran cara ao sur galego no outono.
Ao longo das sesións abordaranse os fundamentos desta disciplina, a ecoloxía do territorio e o comportamento das aves sedentarias e invernantes de Galicia.
Os participantes aprenderán a identificar especies comúns da contorna e coñecerán algúns dos mellores enclaves para a súa observación: desde ensenadas, dunas e illas costeiras, até humidais interiores, bosques, areneras, ríos ou pradarías.
O curso tamén reserva espazo para analizar as ameazas que pesan sobre as poboacións de aves e revisar a lexislación e os proxectos de conservación que traballan para garantir o seu futuro.
Máis aló da aprendizaxe teórica, a UNED busca fomentar actividades saudables ao aire libre, crear comunidade entre amantes da natureza e promover unha cidadanía máis activa e comprometida co medio ambiente.
Así, o curso combina teoría e saídas de campo en sete xornadas:
- 28 de novembro (16:00–17:30 h): sesión inaugural e estudo do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
- 30 de novembro (10:00–17:00 h): excursión a este mesmo espazo natural.
- 10 de decembro (17:00–19:00 h): as aves da illa de Cortegada, no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
- 13 de decembro (10:00–14:30 h): visita de campo a Cortegada.
- 17 de decembro (17:00–19:00 h): estudo das aves da ZEC Ensenada de San Simón e da ZEPA A Limia.
- 20 de decembro (10:00–15:00 h): saída á Ensenada de San Simón.
- 27 de decembro (09:00–17:00 h): percorrido final pola Limia.
O curso ten un custo de 65 euros, tanto en modalidade presencial como online. Para obter o certificado será necesaria unha asistencia mínima do 85% e a realización dun breve cuestionario.
A UNED anima a persoas de todos os perfís, desde afeccionados experimentados até quen desexen dar os seus primeiros pasos na ornitoloxía, a sumarse a esta aventura que combina coñecemento, paisaxe e conciencia ambiental.